Boas! A ver se este carallo de blogspot non me reduce a letra coma fixera no outro post. Rematou o verán e nun abrir e pechar de ollos xa se foron xullo e agosto, nunca me pasou o tempo tan rápido, boa sinal!
Nas prácticas laborais, pódeche tocar calquera cousa
No tema do traballo, logo de dous meses, sigo sen picar unha soa liña de código. O cal ten traca tendo en conta que estiven dous anos estudando programación web coma un animal, e todos os coñecementos estounos a perder día a día.
De maneira que con esta experiencia laboral, bastante decepcionante, saco un par de conclusións.
Se non estás a aproveitar as prácticas laborais, polo que sexa, ponte a outra cousa. Comeza a darlle duro ao traballo de fin de ciclo e aproveita o tempo no curro para facer tamén os teus proxectos persoais, cos que poidas elaborar un bo portfolio para poñerte a buscar traballo despois. Porque senón isto das prácticas vólvese máis un inconvinte que outra cousa.
Eu a nivel laboral, ando dende fai dous meses, a "deseñar" páxinas web, sen tocar código, básicamente modificando algo a interface dende o navegador e facendo copia e pega con paint. Como moito chego a escribir as instruccións para o desenvolvedor.
O mundo laboral da informática é unha selva
Os traballos especializados, é dicir, aqueles que requiren unha especialización técnica importante, coma un titulado superior de FP en sistemas, programación, enxeñeiros, etc. Permítenche acceder a un emprego "cómodo".Isto non quere dicir que vaias á empresa que vaias, te vaias rascar as narices. Isto é un pouco como a feira, cada un conta como lle foi.
E cunha formación tan técnica, é posible que atopemos traballos que nos permitan procastinar coma se non houbese mañá, e tamén outros que nos teñan estresados 24 horas ó día. Todo depende da empresa na que estemos traballando, porén, é preciso que estemos traballando en aquilo que nos guste e nos motive.
Para min o ideal, despois de pasar por empregos de todo tipo, é un traballo que che motive pero que non te moleste en exceso. Algo no que poder seguir aumentando a nosa experiencia e os nosos coñecementos, sen que te chegue a estresar (na medida do posible).
Digo eu que despois de estudar tanto, temos dereito a estar cómodos no traballo non?
Pero ollo con procastinar de máis! Porque o día de mañá que te larguen da empresa, a ver como demostramos os nosos coñecementos e a nosa experiencia nunha entrevista de traballo!
Unha grande experiencia, pero nunca o que tiñas pensado
A experiencia que estamos a facer aquí é un pouco como cando un se fai adulto.
Pasas toda a vida pensando que a vida é X e que é un camiño recto, e cando menos te das conta, o camiño que levaches ata agora ten miles de bifurcacións, e a túa vida vai ser a suma de tódalas decisións que vaias tomando durante o camiño.
Soa un pouco estresante non? Pero tamén é emocionante! xa que o feito de non ter unha vida robótica e planexada de antemán fai que sempre nos poidamos sorprender coas cousas novas que veñan.
Que importante é desenvolver unha actitude positiva na vida!
É fundamental preguntarse que é o que buscamos
Neste tolo mundo que vivimos hoxe, de crise sen precedentes do sistema capitalista, o único que vemos é cada día máis explotación, opresión e destrucción medioambiental, vamos un panorama desolador. Semella que o único que temos perante nós é un horizonte apocalíptico.
Dementres non cambiamos as cousas, e seguimos a construír a historia, como clase traballadora estamos obrigados a vender a nosa forza de traballo para poder sobrevivir.
Bueno! (diría un galego), pero eu escoitei dun coñecido filósofo chinés aquilo de "Escolle un traballo que che guste e non terás que traballar un só día".
Bueno carallo bueno! (diría outro galego). Eu persoalmente opino coma este segundo, eu traballei daquilo que soñaba, fun fotoxornalista. E non só foi un traballo esaxeradamente miserable no que nunca tiven un mínimo de estabilidade. Senón que aqueles que si conseguiron estabilidade nese traballo, aos 3-5 anos acababan coa cabeza "queimada".
Non é para menos! Todo traballo é unha obriga, e todo traballo acabase normalizando, ainda que teñamos unha gran situación económica! Ao cabo dun tempo, para nós será algo normal que xa non apreciaremos coma ó principio.
Isto non quere dicir que o traballo teña que ser unha tortura diaria! Pero é unha obriga necesaria que constitúe o eixo principal sobre o que se estrutura a nosa vida social.
A que conclusión chego eu? Pois que hai xente que vive para traballar, e hai xente que traballa para vivir.
Nós que é o que buscamos? Vivir escravizados cun traballo, e acabar convertidos en "another brick in the wall" coma dirían Pink Floyd, ou queremos un choio na medida do posible "cómodo e estable" para poder adicarnos ás cousas que realmente nos gustan?
Eu seguirei a prepararme para atopar un traballo no que poida desfrutar
da programación e siga aprendendo constantemente, a clave é erguerse
tódalas mañás contento e motivado, diso se trata, non?