quarta-feira, 17 de julho de 2019

Guía definitiva de Dublin

Carallo! Ao final entre unhas cousas e outras xa se me pasaron 20 días na capital de Éire! Decidín agardar a estar algo asentado xa para publicar a Guía definitiva de Dublín (definitif gaid tu dablin). Así que velaí van unha serie de consellos para entrarlle á capital irlandesa como agua al Titanic!


1. Dublín é unha clavada.

Compre asimilar este primeiro punto primeiro de todo. Unha vez que comecedes a asentarvos aquí veredes que non é tan tan clavada (comparado co resto das grandes cidades).


2. Vinde uns días antes para poder resolver o tema do aloxamento.

*Os voos máis baratos saen dende Oporto (30 pavos aprox dende Compostela ao aeroporto), e os días máis baratos para viaxar son martes e mércores.
A diferencia entre voar dende Santiago directos e dende Oporto pode ser de 100€ ou máis, vamos que sae a metade de prezo.
A mellor páxina para mirar voos é skyscanner.

O ideal sería vir cunha semana de antelación.
Para os primeiros días ide directos ao Kinlay House. É o hostel máis barato que hai no centro e o bus do aeroporto déixavos xusto ao lado.
O autobús do aeroporto ao centro son uns 6 pavos e tédelos fronte ao aeroporto, non ten perda
http://www.kinlaydublin.ie/maps/

O prezo por noite no Kinlay son aproximadamente uns 15 pavos de media por noite. Tedes taquilla para deixar as cousas e almorzo incluído (bastante básico pero pasa a ITV).
Ademais os da recepción son moi simpáticos e case 100% algún deles fale español.

A clave é deixar o aloxamento canto antes, xa que é un horror durmir nunha litera nunha habitación con outras 40 persoas e espertarse cada dúas horas e cando por fin chega o día que vos toca durmir noutra habitación cun pouco máis de intimidade, igual se vos mete un fulano na litera de abaixo que ronca tan forte que parece unha lavadora industrial!

O rollo do hostel é que é tan práctico como incómodo, así que safa para durmir, almorzar, dar as primeiras olladas á cidade e para buscar habitacións.

 
3. A buscar habitacións coma uns condenados!

Eu resolvino nunha mañá, e ás 36 horas de aterrar, logo de mirar entre outras opcións, xa estaba firmando o contrato do piso. De maneira que ata novo aviso, teño o récord Guinness dos Erasmus!

Para iso hai que ser prácticos.
Primeiro imos á páxina por excelencia para os aloxamentos en Irlanda
https://www.daft.ie/
(hai quen aconsella os grupos de facebook tamén, rollo rooms in dublin e así).

E de aí seleccionade o barrio que vos interese (idealmente o mesmo barrio onde ides traballar) e ide abrindo tódalas ofertas de pisos que vos interesen.
(Tede en conta que aquí non ides atopar ningunha habitación por menos de 700€, con gastos incluídos)

Con ese prezo en mente e tódalas habitacións que miráchedes, seleccionade aquelas que teñan número de teléfono. E comezade a chamar para velas canto antes.

Non vos molestedes en enviar emails aos donos das habitacións. O 99% non responden nunca, xa que deben recibir centos de correos ao día.
Hai que ser práctico, nunha grande cidade tardas meses ou anos en atopar algo realmente decente. De maneira que aferrádevos ao que vexades que vos cunde e non perdades máis tempo. Logo a partir dese piso, xa iredes mirando outras cousas coa calma. A clave é que non sexa un zulo, que os compañeiros non den demasiado asco e que estea preto do traballo.

Se preguntan, vindes por tempo indefinido (mínimo 6 meses). Mellor pedir perdón que pedir permiso!


4. O transporte, máis vale pedalear

Unha das razóns polas que compre buscar unha habitación preto do traballo é porque o viaxe ida e volta en autobús sae ao día uns 5€ (2,5-3 € ida).
Si si, 5 pavazos, 150 ao mes. É mellor que che dean unha paliza!

Pero non vos desesperedes, se colledes un bo aloxamento, con sorte o transporte en autobús será esporádico.

O ideal é mercar nun supermercado Spar, a Leap Card, a tarxeta de transporte, sae uns 5€ e xa ven cargada con 5€, logo empregar a Leap Card para o servizo público de bicicletas.
Por 25€ ao ano, podedes empregar as bicicletas das estacións de bicis que están por todo Dublín. 

A primeira media hora é gratuíta (e debería chegarvos para chegar dun punto a outro), pero se vos pasades, só vos cobran 50 céntimos.
Se vos pasades dunha hora xa é máis. Pero a idea é poder desprazarvos dun sitio a outro dun xeito moi práctico e barato, sen ter que preocuparvos pola bicicleta. Tedes máis información aquí:
http://www.dublinbikes.ie/How-does-it-work

Non son bicis pensadas para tirarvos todo o día, pero tendo en conta que Dublín non é tampouco unha cidade enorme, chega de sobra.
E ademais, tedes carril bici en prácticamente todas partes. Así que sempre que vaiades con sentidiño, seguindo as normas de circulación non deberiades ter problema. Os conductores van a modo polo centro e están acostumados a circular con ciclistas constantemente.

Ademais é unha maneira fermosa de poder ver a cidade e movervos dun punto a outro a toda ostia.


5. Gastos cotiás 

Tedes unha chea de supermercados a prezos máis ou menos parecidos. Tedes Lidl (o máis recomendable), Spar, Tesco, etc.
O gasto semanal en comida sairavos entre 40 e 50€, o ideal é evitar comer fora na medida do posible, pero se non é posible levades un bocata preparado na casa e ó carallo!


Máis ou menos, considerando a burbulla especulativa dos alugueres nas grandes cidades, onde os prezos das habitacións duplicáronse dende a crise, os gastos mensuais serán de 700-750 (aluguer e gastos), 200 comida e 50-100 gastos extra. Vamos uns 950-1000€ mensuais.




6. Ocio en Irlan.. vamos, encher 

A relixión principal en Irlanda é encher, botarse unhas boas risas e desfrutar da música tradicional, vamos que así da gusto!
Aquí primeiro son devotos da santa botella, logo ven o catolicismo e demais historias.

Ademais teñen unha palabra que vale para referirse a unha boa conversación e unhas boas risas, o cráic.
Se escoitades a alguén que lle mola o "crac" e  que vos propón un bo "crac", non chamedes á policía (aínda), seguramente se refira a que quere pasalo ben cunha cervexa na man!

Os irlandeses son tremendamente agradables. Son tan simpáticos e humildes que moitas veces non saberedes se están sendo bo rollo ou é que vos están tirando ficha. Por se acaso tirade de sentido común e non lle entredes a todo o mundo.

O punto negativo é que se ben a cervexa nos supermercados non é excesivamente cara, tendo en conta que a prezo por litro non hai tanta diferencia e a lata standard ten o tamaño da mítica "yonkilata". 
Onde se ve a tremenda diferencia é nas bebidas servidas nos establecementos.
Aí é onde te clavan entre 5 e 7 pavos por unha pinta.

De tódolos xeitos os galegos sempre temos unha solución enxeñosa para todo, especialmente cando se trata de aforrar cartos! A clave é mercar unha boa petaca (mercade unha decente, que non se vaia oxidar), mercar un whisky que non sexa Ratibrón (no Lidl teredes un decente por uns 20€) e cargar ben a nosa petaca antes de saír de festa.
 

Desa maneira poderedes saír e pagar só 3 ou 4 pintas (entre 15 e 20€), mentres que entre pinta e pinta, ides ao baño, pegádeslle un reverendo lingotazo á petaca e así estades cocidos toda a noite por dous mangos. Aquí quen gasta cartos é porque quere!




7. A clave sempre é integrarse

Seguramente o primeiro que fagamos ao chegar é xuntarnos cun grupo de galegos, vascos, españois, italianos, brasileiros, mexicanos ou calquera grupiño co que nos entendamos ben. Porque acabamos de aterrar nunha grande cidade e case por instinto de supervivencia precisaremos andar con alguén con quen ir comezando a coñecer a cidade.

O problema ven cando nos acomodamos demasiado nestes círculos e acabamos converténdonos nuns turistas permanentes! E máis que vivir realmente na cidade, andamos nela como de safari, permanentemente vendo e comentando cousas da cidade ou sobre os irlandeses. Bueno! Todos o fixemos, e é comprensible, sempre se tarda tempo en comezar a relacionarnos cos "locais", xa que non é chegar e encher.
 

Pero o mellor consello que podo dar é facer o máximo esforzo por relacionarnos o máximo posible cos irlandeses. Xa que deste xeito faremos unha experiencia íntegra e nos adaptaremos moi ben na cidade.
Fago especial fincapé nisto porque o ideal sería facer unha experiencia irlandesa en Irlanda! Non unha experiencia galega ou unha experiencia italiana en Irlanda.
Ademais para saír de festa cun grupo de andaluces, seguramente non fai falta nin saír de Compostela.


Ademais se sodes músicos e tocades algún instrumento, sexa a gaita, a requinta, o tamboril, a guitarra. Non dubidedes en traelos! Eu adoito ir as sesións a tocar música tradicional irlandesa cos músicos locais e sempre me están preguntando pola gaita galega para que a traia e a toque.
É unha mágoa que tendo semellante riqueza cultural, música tradicional e folk como temos en Galiza, non aproveitemos para xuntala coa música folk irlandesa e facer unha experiencia autenticamente celta. Non hai mellor cousa no mundo!



Os irlandeses son encantadores, estarán encantados de que lles fales de Galiza e de coñecer máis a fondo outra nación celta. Sorprenderédesvos do moito que nos parecemos a eles! Non só porque cultural e socialmente levamos conectados con eles dende a idade de bronce, tamén temos un país moi similar, unha cultura celta, mesmos paisaxes, monumentos, monolitos, dólmenes e unha lista interminable de cousas en común.

Ademais compartimos unha historia case idéntica! Eles tamén sufriron os seus séculos escuros, un ninguneamento e unha opresión históricos, tamén se converteron nun país exportador de man de obra emigrante (eles foron a Norteamérica, nós a Latinoamérica e ao resto de Europa). E isto evidentemente foi forxando un carácter, unha filosofía, unha maneira de ver e entender a vida moi similar. Eles o resolveron (e continúan a resolver) de outra maneira a nós, pero a historia segue a escribirse tódolos días!

En fin, non hai nada más bonito que deixarse fascinar por un país e unha cultura irmás.
Para iso é que estamos aquí, así que a deixar a timidez na casa e a desfrutar deste fermoso país e da súa xente!

*Adxunto unha foto no Guinness Enterprise Centre onde traballo cos compañeiros!



3 comentários:

  1. Por un tema de un certo "anonimato", publico como Cristian Fernández, un caseiro moi simpático que tiven na Arxentina

    ResponderEliminar
  2. O artigo está xenial! Vexo que xa falas gaélico :) Os consellos para atopar aloxamento insuperables, por algo tes o record Guiness. O tema do pedaleo realmente interesante. A verdade é que investigaches ben como vivir en Dublín decentemente sen arruinarte e é de agradecer moitísimo que o compartas. E o apartado da integración é precioso.

    ResponderEliminar
  3. Moitísimas grazas polo teu artigo, tan completo que vale por cinco, e intensamente útil, divertido e variado. Incorporaremos os teus consellos á guía do TwinSpace... ou faremos outra guía!
    Por favor, publica unha foto ou vídeo onde se che vexa tocando a gaita con outros músicos! Apertas!

    ResponderEliminar