Rematada a FCT toca volver a casa tras tres meses nos que aprendemos moito, non só da forma de traballar, tamén da vida cotiá e o seu ritmo. Adaptarse leva un pouco de tempo, pero o cambio tampouco é tan grande. Da xente non se pode ter queixa algunha, nunca unha mala contestación, e podes parar a calquera para preguntar algo que intentarán axudar na medida do posible.
Falando do traballo, as miñas prácticas foron na empresa Usheru, a cal ten unha aplicación móbil para a venda de entradas dos cines. Durante a maior parte da estancia, o meu traballo foi facer pequenas tarefas para recoller datos sobre as películas usando Twitter para despois poder construír gráficas ou ver que películas teñen mais seguimento e así poder ver que clase de ofertas se poden mandar aos cines.
Quizais unha das cousas que máis me custou foi adaptarme aos horarios das comidas. No meu caso tiñamos unha pequena cafetería no centro de traballo na que tamén daban de comer, os primeiros días un vai (aquí falo por min) co costume de comer as dúas ou tres, e a esas horas a maioría de sitios xa non teñen o menú, así que tocou empezar a comer sobre a unha mais ou menos.
Alguén pode preguntarse como é o tema do aloxamento, por experiencia propia, quizais a primeira opción que un non debería ter en conta é un piso compartido, xa que a renda é elevada e non debes esperar encontrar grandes comodidades. O meu piso tiña 2 habitacións, un cuarto de baño, unha cociña pequena e un salón cun sofá e pagaba 900€ de alugamento máis facturas, pero despois de mandar uns vinte correos preguntando por aloxamento, foi unha das dúas persoas que me contestaron.
En resumidas contas, se tes pensado ir a traballar ou facer unhas practicas no estranxeiro, e estás pensando en escoller Dublín, eu só podo animar a que vaias. Aprendes dunha cultura distinta á tua, practicas o idioma e abres as portas a un futuro alí ou ben podes buscar un traballo pudendo dicir que estiveches tres meses no estranxeiro traballando e poder demostrar que podes manter unha conversación en inglés. Non vas a arrepentirte da elección e creo que volveras satisfeito.
Sem comentários:
Enviar um comentário